Roteiros literarios en Guitiriz

O alumnado de 3.º ESO participou o 30 de marzo e mais o 13 de abril en dous roteiros literarios en Guitiriz, guiados de xeito inmellorable polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro, que dende hai anos recibe grupos no seu centro, acompáñaos polos espazos vitais e literarios do poeta Xosé María Díaz Castro e proponlles actividades diversas en cada unha das paradas realizadas ao longo dos itinerarios.


O roteiro "Un neno de aldea" desenvólvese no lugar do Vilariño (Os Vilares, Guitiriz), aldea natal de Díaz Castro, e nel analízase o universo rural no que medrou o escritor, tomando os seus poemas e vivencias como fío condutor. Nesta ruta o alumnado visita a capela do Vilariño, onde o neno Pepe exerceu como acólito; a aira dos Coira, coas súas distintas especies arbóreas; algunhas mostras de arquitectura popular da Terra Chá, como vivendas, palleiras, alpendres, hórreos, etc.; ou a casa familiar de Díaz Castro, onde naceu o poeta.


"A fábrica de poetas", á súa vez, é un roteiro que discorre pola propia vila de Guitiriz, na que Díaz Castro pasou os seus últimos anos e recibiu os primeiros recoñecementos. O percorrido iníciase no IES Poeta Díaz Castro e continúa por lugares como o Curro Vello, a parte máis antiga da vila; a estación do tren, á que tantas veces chegou o noso escritor; a sede da Asociación Cultural Xermolos, que conserva o legado de Díaz Castro; a Casa Habaneira, testemuña do primeiro recital en Galicia do poeta e hoxe convertida en biblioteca pública; ou a praza Campo da Feira, en cuxo parque hai unha escultura dedicada a Díaz Castro.



Se vos gustaron estes roteiros e queredes saber máis sobre os interesantes proxectos do IES Poeta Díaz Castro, non deixedes de visitar a web A lus do mundo.


Mónica Campo Vázquez, Ana Pedreira Castro e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios