Plantando árbores con pinceis

Alumnado de 3.º ESO participou o 24 de xaneiro na iniciativa escolar pola sostibilidade “Plantando árbores con pinceis”. O proxecto intégrase na oferta educativa da Obra Social ABANCA e desenvólvese en cooperación con Doctoy, artista visual especializado no deseño mural gráfico, e Vella Escola, entidade con acreditada experiencia na organización de eventos, talleres e espectáculos de cultura urbana.

Unindo cultura e coidado do medio ambiente, a rapazada axudou a realizar, nunha das paredes do ximnasio, un mural artístico, colaborativo e ecolóxico con pinturas fotocatalíticas anticontaminación, que absorben e depuran os contaminantes que hai no aire, como os óxidos de nitróxeno e outros gases nocivos da industria e o tráfico rodado. Tamén asistiu a un obradoiro de pintado de bolsas de tea, que decorou con motivos naturais.

As actividades, en definitiva, serviron para achegar ao alumnado unha mensaxe positiva sobre a protección da natureza, así como para visibilizar alternativas de ocio que fomentan o respecto ao medio a través da arte.



Paula Fernández, Alicia Puchades e Ana Rodríguez

Comentarios