Monicreques unidos

A compañía Mircromina Teatro de Títeres, creada por Ton Arenas no ano 2010 e asentada no barrio artesán dos Muíños de Mondoñedo, visitou o Ánxel Fole o pasado 23 de xaneiro.

No salón de actos do centro, alumnado de 1.º ESO asistiu ao espectáculo de monicreques Familia unida, que ofrece unha viaxe a través do repertorio clásico das distintas tradicións europeas de luva, peneiradas polos gustos de hoxe e adaptadas á realidade e á lingua galegas. Protagonizada por Cromina, que acaba de ser pai, a peza convida a reflexionar sobre as relacións familiares, a conciliación e a igualdade.

Despois da representación, a rapazada participou nun obradoiro no que coñeceu de primeira man todo o traballo que se esconde tras cada función: construír teatriños, pintar escenografías, modelar bonecos etc. Ademais, con cartón e materiais de refugallo, cada alumno/a puido confeccionar e decorar a súa propia marioneta.


Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios