Un paseo polas nubes

O alumnado de 3.º ESO PDC visitou, o día 23 de xaneiro, o Museo Diocesano Catedralicio de Lugo (MDCL), que, con cen anos de existencia, é o museo máis antigo de Galicia. O MDCL alberga unha valiosa colección composta por máis de tres mil pezas de moi diverso tipo: restos arqueolóxicos, escultura devocional, pintura sacra e profana, ourivaría litúrxica etc. A rapazada, guiada en galego polo persoal de sala, detívose fundamentalmente ante dous elementos patrimoniais singulares: o Crismón de Quiroga e a Cancela das Saamasas. Posto que as seccións principais do museo se sitúan no triforio da catedral, o grupo puido gozar tamén coa visión única que, da nave e a capela maior, se obtén dende esta galería elevada.

A continuación, o alumnado seguiu ascendendo (agora a través dunha estreita escaleira de caracol), ata acadar as cubertas da catedral, onde participou na visita especial denominada "Un paseo polas nubes". A espléndida panorámica da cidade que se contempla dende o balcón que percorre a fachada será difícil de esquecer.

A xornada rematou coñecendo o claustro barroco e, xa sen guía, o interior da basílica: a capela maior, o coro, a capela da Virxe dos Ollos Grandes...


Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios