Publicacións

Mostrando publicacións desta data: maio, 2026

As Letras de Begoña Caamaño

Imaxe
Para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado neste 2026 á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, no IES Ánxel Fole desenvolvéronse distintas actividades, entre as que destacan as seguintes: a) Audiovisual Morgana en Esmelle . Alumnado de 3.º e 4.º ESO asistiu, o día 21 de maio, á proxección e coloquio de Morgana en Esmelle ,  serie audiovisual que adapta, en catro episodios curtos, a novela homónima de Begoña Caamaño. A microserie, en cuxa difusión colabora a Deputación de Lugo, é un proxecto da  cooperativa Aqueladas, centrada na creación de contidos audiovisuais interactivos e transmedia en galego. b) Fotografías para Begoña Caamaño . O pasado mes de abril, a fotógrafa lucense Alba Díaz presentou a exposición “A lingua do futuro / O futuro da lingua”, unha homenaxe á rapazada que fala e vive en galego nunha situación de emerxencia lingüística. Interactuando co traballo de Alba Díaz, o alumnado de 3.º PDC fotografouse con palabras relacionadas coa vida e a obra de...

Visita á Casa-Museo Manuel María

Imaxe
O alumnado de Proxecto Competencial de 4.º ESO acudiu, o día 15 de maio, á Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei), espazo que alberga o conxunto do legado do escritor. Antes da visita propiamente dita, o estudantado participou, no auditorio da Casa-Museo, nunha dinámica de acollida, consistente nun achegamento lúdico á poesía de Manuel María. A continuación, percorreu as distintas dependencias da vivenda, prototipo da casa chairega, ao tempo que fixo un itinerario contextualizado pola biografía e a obra do autor. A visita á Casa-Museo complementouse cunha ruta por lugares da parroquia relacionados con Manuel María, especialmente polo campo de Santa Isabel, unha magnífica paraxe natural onde conflúen os ríos Ladra e Miño e que foi poetizada polo escritor. Carmen M.ª Pérez Pardo e Ana Rodríguez Barreiro

Taboleiro de lemas inspiradores

Imaxe
Nun encerado situado no vestíbulo, veñen recolléndose ao longo do curso frases célebres, citas literarias, pensamentos motivadores etc., que dan a benvida ao centro, transmiten enerxía positiva ou convidan a reflexionar sobre a actualidade ou a existencia humana en xeral. Os lemas poden ser elixidos por calquera membro da comunidade educativa e, en moitos casos, acompáñanse de ilustracións relativas á temática tratada. Ana Rodríguez Barreiro