As sete que eu son

O alumnado de 4.º ESO da materia Expresión Artística visitou o día 3 de abril, no Museo Provincial de Lugo, as exposicións temporais "As 7 e 7. Hora de falar" e "Eu son. Memoria das rapadas".

"As 7 e 7. Hora de falar", comisariada por Sergio Marey, quere visibilizar as sete artistas con presenza na colección permanente do museo (María Corredoira, María Luísa Pérez Herrero, Maruxa Mallo, Xulia Minguillón, María del Carmen Álvarez de Sotomayor, Violeta Bernardo e Mónica Alonso) a través de sete traballos de creadoras galegas emerxentes (as irmás Lara e Noa Castro, Christina Chiarroni, Noa Costas, Greta Debelius, Sabela Eiriz, Andrea Otero e Carmen Quintáns). As obras destas mulleres que están a dar os primeiros pasos no mundo da arte dialogan coas pezas das autoras consagradas en que se inspiran, como xeito de poñer en valor a creación feminina galega ao longo dos séculos XX e XXI.


"Eu son. Memoria das rapadas", de Art al Quadrat  (Gema e Mònica del Rey Jordà), homenaxea as mulleres represaliadas (humilladas publicamente, rapadas, violadas) durante o réxime franquista por mor das súas ideas políticas ou das súas actitudes liberaisO proxecto expositivo, que parte dunha investigación previa, recolle fotografías, textos, materiais antigos e imaxes da performance de reparación colectiva e de dignificación da memoria que as artistas veñen desenvolvendo dende 2018.



Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios