Julia

No marco das actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller (8 de marzo), alumnado de 3.º ESO, 4.º ESO e 2.º BAC asistiu á proxección no centro da película documental Julia (2022), rodada en Galicia e en galego baixo a dirección do vilalbés Jacobo Lagüela Castro, quen tivo a amabilidade de enviarnos un vídeo a xeito de presentación.

A protagonista do filme é Julia Barrio Díaz, unha avoa (a do director) de 87 anos que, dende a Galicia das aldeas cada vez máis despoboadas, loita por salvagardar as súas raíces e reivindica un futuro digno para o rural, aínda sendo plenamente consciente de que o estilo de vida que ela representa está abocado á extinción.

A cinta, que foi candidata aos Premios Mestre Mateo e aos Premios Goya (en oito e seis categorías, respectivamente), cumpre, entre outros, os seguintes obxectivos:

  • visibilizar o papel da muller na Galicia agraria e crear referentes femininos para as mulleres campesiñas;
  • universalizar a figura da avoa galega, ao presentar unha historia local relevante para unha audiencia global;
  • servir como altofalante da crise que atravesa o mundo rural, afectado pola emigración e o progresivo abandono das terras;
  • preservar a memoria histórica e propiciar a reflexión sobre os valores que merecen ser transmitidos ás novas xeracións: a lingua galega, os saberes tradicionais, o respecto e coidado da natureza etc.


NOTA: as tres primeiras imaxes (cartel e fotogramas da película) e mais o vídeo de presentación foron facilitados por Jacobo Lagüela e reprodúcense co seu permiso.


Xabier Molinos Campos e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios