Boa sorte, mala fama

Alumnado de 1.º BAC asistiu o día 5 de febreiro, no auditorio Gustavo Freire, á representación da obra Boa sorte, mala fama, da compañía Tarabela Creativa, asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e Carmen Conde.

A peza, unha traxicomedia en tres actos que combina narración oral, música ao vivo e interpretación actoral, fai un percorrido a través de diferentes épocas e persoas para contar a historia máis incómoda e menos institucional da emigración galega. A escrita e a posta en escena parten dun proceso de investigación e documentación previo, durante o cal Tarabela Creativa visitou hemerotecas, arquivos, museos da emigración, asociacións de emigrantes retornados, centros galegos da diáspora..., onde recolleu datos e realizou entrevistas que serviron como base do espectáculo teatral.

A propia compañía explica así o argumento da obra e o significado do título:

"Sempre se soubo, claro está, que as anduriñas son aves de bo agoiro, que alí onde aniñan traen fortuna, que anuncian a primavera e que os mariñeiros as tatuaban na pel por cada travesía da que lograban retornar. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente co seu canto agudo e co seu xeito de enchelo todo de excrementos. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as anduriñas, gañamos mala fama, aló onde fomos buscar a nosa boa sorte. Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquilo do que pouco se fala".



José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios